Arbo estivo de celebración o día 23 de abril por dous motivos. En primero lugar, porque tras dous anos de parón pola pandemia, levouse a cabo a LXII Festa da Lamprea; unha festividade declarada de Interese Turístico Nacional polo seu alto valor social e gastronómico. Pero tamén foi unha data simbólica, porque os municipios fronteirizos de Arbo, Crecente, A Cañiza, As Neves (situados no sur de Galicia; na provincia de Pontevedra) e Melgaço (distrito de Viana do Castelo), asinaron o protocolo de cooperación para crear a «Eurocidade do Miño».
Un acto que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Arbo, ás 12:00 horas; contando coa asistencia dos rexedores fronteirizos e de representantes de diferentes institucións galegas. Alí, as autoridades resaltaron a proximidade xeográfica, así como as afinidades culturais, históricas e económicas existentes nestas vilas. A «Eurocidade do Miño» tería unha zona de influencia directa de 30.000 persoas, sen contar o fluxo indirecto das zonas máis poboadas de Galicia, como Vigo, Pontevedra e Ourense, entre outras grandes poboacións do sur da comunidade.
O Concello de Arbo publicou unha nota de prensa onde sinala que «a cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, e fomentando o desenvolvemento económico, social e cultural destas rexións, así como a promoción da amizade e da paz».
Dende o Concello das Neves emitiron un comunicado no que destacan que «a nova eurocidade permitirá aproveitar e maximizar os recursos; contribuir á eliminación das liñas fronteirizas facilitando, ainda máis, as interrrelacións, e axudará ao desenvolvemento do principio de cidadanía europea».