O festival “Rap in Cena”, considerado o maior evento de hip hop do Brasil, aterrará en Portugal en 2025 con dúas datas confirmadas. A primeira será o 24 de outubro en Lisboa, e a segunda o 25 de outubro no Multiusos de Guimarães, a só unha hora e media de Vigo. Este festival, que cada ano reúne a milleiros de seguidores no Brasil, chega ao país luso prometendo un novo formato sorprendente.
A organización anunciou un cartel con algúns dos maiores referentes do hip hop brasileiro, entre os que destacan Filipe Ret, L7NNON, Oruam, Mc IG e MC Maneirinho, aínda que se prevén máis confirmacións. A chegada do “Rap in Cena” a Portugal reforza o crecemento da escena hip hop en Europa e amplía o alcance da música urbana brasileira no continente.
As entradas para a cita en Guimarães xa están á venda, con prezos que oscilan entre os 50 euros en pista e os 65 euros na parte frontal. Nas bancadas, o custo do billete é de 55 euros. Tamén están dispoñibles os tickets para a edición de Lisboa.