O alcalde de Arbo (Pontevedra), Horacio Gil, e o presidente da Câmara de Melgaço, Manoel Batista, asinaron a revisión de límites entre España e Portugal nos terminos establecidos no Tratado de Lisboa de 1864. Un acto ao que acudiu o rexedor de Crecente, Julio César García, que tamén asinou a súa acta co autarca portugués. Con posterioridade ao acto, os alcaldes visitaron diferentes puntos fronteirizos no Miño.
O Tratado de Límites do 29 de setembro de 1864 recoñeceu a liña fluvial do río Miño como fronteira entre Portugal e España, observándose nas actas que se foron realizando dende entón que en ambas as marxes non houbo alteracións.
Este acto, que se vén realizando dende o ano 1864 entre os municipios limítrofes, pon de manifesto a gran colaboración que existe entre ambos os países. De feito, nesta zona a discusión non se centra na separación, senón que xa se está a traballar na creación da «Eurocidade do Miño» entre Arbo, Crecente, Melgaço, A Cañiza e As Neves; a quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.