A cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal recibe a Medalla do Parlamento de Galicia 2023

O acordo foi adoptado por unanimidade pola Mesa da Cámara e a distinción entregarase no mes de abril

Comparte el artículo:

A Medalla do Parlamento de Galicia 2023 recoñecerá a labor da cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal. En concreto, esta distinción destacará a actividade da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal como entidade pioneira. «Unha entidade que, dende a lealdade aos dous Estados abriu camiños neste ámbito no conxunto da Unión Europea», destacou a Mesa da Cámara.

A Medalla será entregada ao actual titular rotatorio da Comunidade de Traballo, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, Antonio Cunha, nun acto que se celebrará a principios de abril no Pazo do Hórreo.

A Mesa do Parlamento de Galicia salientou que «o que outrora era unha fronteira celosamente gardada polas autoridades dos dous países, converteuse hoxe, grazas a ao traballo de uns e outros, nun vizoso espazo de intercambio, colaboración e entendemento».

Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

O 31 de outubro de 1991 constituíuse en Porto a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. A entidade, integrada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (cunha superficie de 51.000 quilómetros cadrados e unha poboación de 6,4 millóns de habitantes), posibilitou a institucionalización e fortalecemento das relacións entre ambos os territorios.

Tres décadas de actividade nas que comenzaron a colaborar de forma intensa organizacións públicas e privadas dos dous países, convertendo á eurorrexión nun modelo de cooperación referente na Unión Europea.

Noticias Relacionadas