A Medalla do Parlamento de Galicia 2023 recoñecerá a labor da cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal. En concreto, esta distinción destacará a actividade da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal como entidade pioneira. «Unha entidade que, dende a lealdade aos dous Estados abriu camiños neste ámbito no conxunto da Unión Europea», destacou a Mesa da Cámara.
A Medalla será entregada ao actual titular rotatorio da Comunidade de Traballo, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, Antonio Cunha, nun acto que se celebrará a principios de abril no Pazo do Hórreo.
A Mesa do Parlamento de Galicia salientou que «o que outrora era unha fronteira celosamente gardada polas autoridades dos dous países, converteuse hoxe, grazas a ao traballo de uns e outros, nun vizoso espazo de intercambio, colaboración e entendemento».
Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
O 31 de outubro de 1991 constituíuse en Porto a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. A entidade, integrada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (cunha superficie de 51.000 quilómetros cadrados e unha poboación de 6,4 millóns de habitantes), posibilitou a institucionalización e fortalecemento das relacións entre ambos os territorios.
Tres décadas de actividade nas que comenzaron a colaborar de forma intensa organizacións públicas e privadas dos dous países, convertendo á eurorrexión nun modelo de cooperación referente na Unión Europea.