As federacións de piragüismo de Galicia e o Norte de Portugal reuníronse na localidade lusa de Covas para establecer unha estratexia conxunta nas súas actividades. Os representantes destas agrupacións son conscientes de que a eurorrexión é das máis potentes neste deporte, pero a falta de medios pode lastrar o seu futuro no territorio. Os recursos naturais e o talento son abundantes, pero insuficientes sen unidade. Só por medio da colaboración, apuntan, lograrase maior sostenibilidade e obxectivos máis ambiciosos.
O acceso a fondos europeos é unha das cuestións que están a tratar as federacións. Algunhas das propostas en estudo son a construción de novas canles nas zonas transfronteirizas e a creación dunha liga na que participen os clubs galegos e do Norte de Portugal. Neste sentido, Galicia está a tramitar a construción dunha canle en Bora, na contorna do río Lérez (Pontevedra). Varios municipios da «Raia» mostráronse dispostos a participar neste tipo de proxectos, coas tres federacións (galega, española e portuguesa) apoiando esta actuación.
Para materializar estas infraestruturas e aumentar a cooperación non pairan de sucederse reunións. Mesmamente, estes días produciuse unha xuntanza entre a Federación Galega de Piragüismo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Tamén hai propostas para adecuar a presa do río Cabe para o adestramento xuvenil, así como a apertura dunha canle no río Tea, en O Cordeiro (Salvaterra de Miño), que lle daría servizo deportivo á comarca.