Expertos internacionais: «O modelo galego e portugués na educación é un éxito ante a covid»

Diferentes expertos encomiaron en Braga a organización educativa de Galicia e Portugal na pandemia

Comparte el artículo:

Na inauguración do XVI Congreso Internacional Galego-Portugués de Psicopedagoxía, organizado pola Universidade de Minho e a Universidade da Coruña (UDC) en Braga, diversos expertos internacionais encomiaron o modelo educativo de Galicia e Portugal na pandemia. Apuntaron o éxito dunha docencia practicamente presencial sen especiais contratempos sanitarios; facendo fincapé no «extraordinario traballo» da comunidade educativa en todo este proceso.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, estivo presente no congreso afirmando que a presencialidade nas aulas non foi unha decisión fácil. Houbo que actuar rápido, xa que non podían permitir que unha crise sanitaria derivase nunha educativa. Lembremos que esa fórmula presencial foi aplicada en todos os niveis (educación obrigatoria, bacharelato e FP). Na universidade si que se habilitaron e desenvolveron bastantes ferramentas de educación a distancia. Todas as decisións fóronse adaptando segundo a situación sanitaria e o ritmo de vacinación.

Entre as medidas implementadas durante o curso académico destacouse a creación de «equipos covid» en cada centro para a xestión de protocolos; a creación da aplicación de rastrexo «Educovid», e o investimento en loxística e persoal. Grazas a este sistema de prevención e detección, conseguiuse só un 3,7% de incidencia no ámbito educativo. Un esforzo logrado, afirmou o conselleiro ante o público, grazas ao traballo dos docentes e a colaboración dos alumnos.

Este novo curso académico é visto como unha transición para a recuperación total da normalidade. Para iso, dende as autoridades académicas insisten en que se seguirá reforzando o equipo humano para blindar a calidade, aínda que certos sectores temen que moito do persoal contratado de forma temporal non sexa renovado.

Noticias Relacionadas

A hora da Liberdade

Agora que estamos a poucas horas (mais precisamente sete) do dia em que comemoramos os cinquenta anos da Revolução dos Cravos está na altura de