Feijóo aposta por unha «macrorrexión atlántica» para afrontar retos «que non entenden de fronteiras»

O presidente galego reuniuse có secretario de Estado para a Unión Europea, Juan González-Barba Pera, para traballar nos desafíos europeos das próximas décadas

Comparte el artículo:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a defender a creación dunha «macrorrexión atlántica» na reunión que mantivo có secretario de Estado para a Unión Europea, Juan González-Barba Pera. Ambos coincidiron en que esta nova realidade xeoeconómica contribuiría de forma decisiva a impulsar a cooperación e o desenvolvemento no espazo atlántico, o cal ten unha esencial posición estratéxica mundial. Esta macrorrexión, na que se integraría a RESOE (rexións do suroeste de Europa), lograría unha Unión Europea «máis unida, vertebrada e igualitaria», destacou Feijóo.

Xa no ano 2010, Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal sentaron as bases para a constitución da «Macrorrexión do Suroeste de Europa»; ampliada posteriormente coa incorporación de Asturias, a rexión Centro de Portugal e Cantabria. A concepción desta fórmula é fortalecer Europa dende o mar e abordar os retos compartidos con solucións comúns. Ademais, esta colaboración activa permitirá xerar un mercado competitivo e diversificado; dando múltiples oportunidades ao sector marítimo-pesqueiro e enerxético, con investimentos e creación de emprego no ámbito local.

Fondos «Next Generation» e Foro de Economía Azul

Os fondos «Next Generation» foron un punto central nesta reunión, pois Galicia aspira, con máis de 350 proxectos, a captar un investimento de ata 20.000 millóns de euros. Núñez Feijóo mostrouse preocupado por unha repartición desigual de gran parte destes fondos, dado o amplo poder de reparto do goberno central. Tamén insistiu en que este plan de recuperación poderá poñer freo a ideoloxías populistas, ao lograr unha sociedade europea cohesionada e innovadora.

Na reunión tamén se valorou a celebración dun foro sobre economía azul nos últimos meses do ano, dentro do marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE), onde se abordarán propostas de cooperación transfronteiriza atlántica. Neste sentido, o Porto de Vigo estivo presente nas conversacións polas súas iniciativas sostibles en relación á biotecnoloxía e á industria marítimo-pesqueira 4.0.

Noticias Relacionadas