O Encontro sobre Cooperación Transfronteiriza reuniu a dirixentes ibéricos en Vila Nova de Cerveira

As autoridades presentes neste evento recoñeceron que os alcaldes do Alto Miño son un «exemplo» para Portugal e España en materia de cooperación

Comparte el artículo:

Vila Nova de Cerveira acolleu o martes 29 de xuño o Encontro sobre Cooperación Transfronteiriza, que se levou a cabo no Cineteatro Marreca Gonçalves. Un acto no que estiveron presentes representantes sociais e políticos de España e Portugal, có obxectivo de compartir sinerxias e establecer os desafíos que os municipios da fronteira hispanolusa van ter no futuro máis próximo. Neste evento participou o POCTEP (Programa Interreg), e a organización correu a cargo da Secretaría de Estado para a Valorización do Interior (Portugal), en colaboración coa CCDR-N (Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte), así como da AECT Rio Minho.

Na sesión inaugural, Fernando Nogueira, alcalde de Vila Nova de Cerveira, mostrouse esperanzado porque na fronteira entre Galicia e Portugal existe «un plan real e eficaz de traspasar os territorios fronteirizos», que levaría a materializar a Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo Portugal-España, aprobada no Cume de Garda en 2020. Tamén interveu Mercedes Caballero Fernández, secretaria xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, así como o presidente do Consello de Desenvolvemento e Cohesión de Portugal, Nuno Oliveira dos Santos, no que foi un enfoque compartido para facer investimentos ambiciosos a fin de consolidar territorios comúns na fronteira.

Algúns das iniciativas (cofinanciadoa polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) que se presentaron como estandartes dunha boa cooperación son o Programa IACOBUS (proxecto GNP-AECT); o «Bike Sharing» do río Miño (proxecto Smart Minho); o «TUT» Transporte Urbano Transfronteirizo da Eurocidade Chaves-Verín (proxecto Eurocidade 2020), e o Territorio Museo da Eurocidade do Guadiana (proxecto EuroGuadiana2020).

O acto foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o presidente da CCDR-N, António Cunha, e a ministra de Cohesión Territorial do Goberno de Portugal, Ana Abrunhosa, que destacou que «entre Galicia e o Norte de Portugal, entre Portugal e España, xa estamos a pensar xuntos, xa hai unha estratexia, e xa hai proxectos…». Pola súa banda, Núñez Feijóo, fixo fincapé en que «Europa recoñece o espazo rexional e interrexional como o marco máis natural, máis útil e máis próximo ao cidadán para despregar as políticas europeas».

Vídeo completo: