España e Portugal ratificaron os seus límites fronteirizos nun encontro simbólico no río Miño. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, participou na firma da Acta de Recoñecemento da Liña de Fronteira, xunto con membros da Armada Española e da Marinha Portuguesa. Ademais, acudiron os representantes dos concellos galegos e das cámaras municipais portuguesas. As actas do encontro foron seladas polos alcaldes galegos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo. Pola parte portuguesa, polos autarcas dos municipios de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença, Monção e Melgaço.
A xornada desenvolveuse en clave ibérica. As autoridades españolas embarcaron no patrulleiro «Cabo Fradera» dende a Comandancia Naval de Tui, indo ao encontro do patrulleiro portugués «Río Minho». Coas dúas embarcacións fondeadas, procedeuse á firma conxunta das actas de recoñecemento fronteirizo. Posteriormente, os diferentes representantes públicos fixeron unha serie de declaracións de fraternidade e colaboración; coa subdelegada do Goberno decidida a «impulsar proxectos na fronteira do Miño».
Un acto simbólico cargado de historia
Este acto celébrase para examinar a parte fluvial da fronteira; dando cumprimento ao artigo 15 do Tratado de Lisboa de 1864, no que se define a fronteira entre España e Portugal. Temos que ter en conta que os límites fronteirizos da «Raia miñota» non sempre estiveron claramente delimitados. Foi coa firma do Tratado de Lisboa en 1864 cando se estableceron os límites das soberanías, no traxecto que se estende dende a desembocadura do Miño ata a unión do río Caia co Guadiana.
Dende entón, os representantes dos municipios da Raia reúnense cada ano para formalizar o recoñecemento das liñas fronteirizas. Unha cerimonia na que se ratifica un acordo de máis de 150 anos, baseado na paz e a harmonía das poboacións raianas. Unhas poboacións cada vez máis integradas coas Eurocidades de Monção-Salvaterra, Valença-Tui e Cerveira-Tomiño.