A Eurocidade Tui-Valença cumpre dez anos entre celebracións

Tui e Valença valoran os grandes logros conseguidos nesta década de traballo conxunto e asumen o reto de crear unha AECT propia

Comparte el artículo:

O 10 de febreiro de 2012 fundouse a Eurocidade Tui-Valença, a segunda da ribeira do Miño tras a de Verín-Chaves. Dez anos de traballo conxunto no que se lograron importantes avances, como unha axenda cultural e deportiva común ou proxectos europeos como «Miño destino navegable». Pero tamén a optimización de servizos, optando por compartir recursos; como o uso da Piscina Municipal de Valença, o Teatro Municipal de Tui, a asistencia dos bombeiros voluntarios de Valença ou a ARPAD, para a interconexión de rexistros municipais. Unha década que chega entre celebracións na eurocidade, pero que ten por diante importantes retos e novos desafíos para profundar aínda máis esta colaboración ibérica.

No acto oficial descubriuse unha placa conmemorativa na ponte internacional e firmouse un protocolo de cooperación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Os dous municipios asumiron o obxectivo de crear unha AECT propia, que dará capacidade xurídica e política á eurocidade para poñer en marcha proxectos transfronteirizos comúns.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, foron os anfitrións da xornada en Valença, onde asistiron numerosas autoridades e representantes das principais confederacións e asociacións empresariais da eurorrexión. O décimo aniversario continuou con dúas visitas guiadas polos cascos históricos e finalizou cun concerto gratuíto no Teatro Municipal de Tui, amenizado pola orquestra da eurocidade, e polas orquestras do Conservatorio de Tui e da Academia de Música da Fortaleza de Valença.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, mostrouse entusiasmado porque a Comisión Europea veña de aprobar a continuidade do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, que podería incrementar a súa dotación nun 11% ata chegar aos 320 millóns de fondos FEDER para a fronteira hispano-lusa. Non olvidemos que ao redor deste paso fronteirizo viven cerca de 40.000 persoas, e que por aquí pasan anualmente sobre 150.000. Dúas poboacións que se consideran un só pobo, sen entender de fronteiras.

Noticias Relacionadas