A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acaba de publicar unha liña de axudas para a mobilidade universitaria por un total de 1.653.000 euros. Estas bolsas complementarán ás que dá Unión Europea para os alumnos que participan no Programa Erasmus+ durante o curso 2021/2022 (con estancias de entre tres e nove meses).
As axudas variarán en función dos países de destino, e divídense en tres tramos de 125 euros/mes, 165 euros/mes e 195 euros/mes. Así, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido e Suecia); de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal), e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).
Requisitos mínimos e solicitude telemática
O primeiro requisito para solicitar esta bolsa é que o estudante estea matriculado no curso 2021/22 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (estudos universitarios oficiais que conduzan a unha titulación de grao). Tamén deberán estar inscritos no programa de mobilidade universitaria e ser beneficiarios da axuda do Programa Erasmus+. Non poderán optar á axuda os estudantes que xa a obtiveron en convocatorias anteriores; e o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.
A solicitude deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos a través de calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta. O prazo estará aberto ata o 3 de febreiro.