Empresas galegas e lusas apostan pola «Internet das cousas» (IoT) para os seus negocios

Líderes empresariais presentaron en Vigo iniciativas para a automatización e dixitalización de procesos a través da IoT (Internet das cousas)

Comparte el artículo:

«Infab Hub» é o primeiro centro de innovación dixital transfronteirizo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con máis de 15 socios a ambos os dous lados da fronteira. Dentro da súa actividade, varios líderes empresariais reuníronse en Vigo para valorar as vantaxes competitivas que supón a «Internet das cousas» (IoT). Na apertura, Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego referiuse á alianza estratéxica entre Galicia e Portugal, así como ás infinitas posibilidades da automatización e dixitalización de procesos co uso da IoT industrial.

Joana Valente, asesora de Dirección da AIMMAP (Asociación de Industrias Metalúrxicas e Afíns de Portugal) defendeu a necesidade de «impulsar a formación, reducir a burocracia e explotar a colaboración no ámbito da Unión Europea». Pola súa banda, representantes de Adhex, Borgwarner, Navantia e a empresa téxtil portuguesa Riopele, coincidiron na importancia da ciberseguridade nas actuáis infraestuturas hiperconectadas, así como no aforro enerxético que a IoT pode supoñer na produción.

Rui Godinho (Riopele) está convencido de que a experiencia das persoas será cada vez máis dixital, coa incorporación de elementos tecnolóxicos ás pezas de roupa. Á súa vez, Alfonso Troitiño, responsable de GKN Driveline, sinalou que a IoT permite optimizar custos e traballos manuais, pero non destrúe emprego, xa que se xeran outros servizos e proxectos. Finalmente, na clausura, David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, puxo en valor o selo de excelencia concedido a Infab Hub por parte da Comisión Europea, que recoñece a cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal.

Noticias Relacionadas