Importantes avances para facer realidade a primeira base aérea ibérica para a loita contra os incendios

A iniciativa «Interlumes», cofinanciada con fondos «Interreg», destinará 9,1 millóns de euros para crear o primeiro aeródromo compartido entre España e Portugal

Comparte el artículo:

O pasado 11 de abril foi presentado no auditorio de Verín o proxecto de base aérea transfronteiriza entre Galicia e Portugal para a loita contra os incendios. Unhas instalacións nas que se investirán 9,1 millóns de euros, e que se situarán entre as localidades ourensás de Verín e Oímbra. Tamén se pretende construir un centro integral para a loita contra o lume, en Toén (Ourense), a fin de centralizar formación e investigación.

A este acto de colaboración peninsular asistiu o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que subliñou que «é necesario ter unha infraestrutura preparada para extinguir incendios cando se produzan porque o lume non entende de fronteiras». O titular de Medio Rural da Xunta, José González, sinalou que «na consellería apostamos pola prevención», e destacou que «estas instalacións aumentarán a resiliencia do territorio transfronteirizo», xa que se pretende establecer un mando operativo único para a xestión conxunta. Ademais doutras entidades e institucións fronteirizas, o Goberno portugués estivo representado no acto por Carlos Rodrigues, director da Autoridade Nacional de Emerxencia Civil. 

Reunións de coordinación

Para facer realidade este proxecto, os diferentes socios volvéronse a reunir o sábado día 5 na localidade portuguesa de Chaves. Alí, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou a importancia da coordinación para a xestión da base aérea, pero fixo fincapé «non deseño do futuro protocolo de actuación conxunta ante incendios forestais na fronteira hispano-lusa».

O encontro celebrado en Chaves serviu, ademais de para avaliar os principais obxectivos do proxecto, para ir abordando a mellora dos medios materiais, así como a implantación de novas tecnoloxías na loita contra os incendios (vixilancia e seguridade forestal). Tamén se quere facer un importante investimento en formación especializada para todo o persoal e en actividades de sensibilización.

Características do proxecto

A futura base aérea terá categoría 2 de aeródromo, unha superficie de 23 hectáreas, e estará dotada dunha pista de 1200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho. Instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar adaptado; tanto para aeronaves de carga en terra, como para helicópteros e avións anfibios. Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m2; con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. O aeródromo tamén contará cunha motobomba (caudal mínimo superior a 350 litros por minuto) e diferentes equipos de extinción.

 

Noticias Relacionadas

A hora da Liberdade

Agora que estamos a poucas horas (mais precisamente sete) do dia em que comemoramos os cinquenta anos da Revolução dos Cravos está na altura de