Lugo celebrou a «Feira de Produtos Tradicionais da Eurorrexión» dando protagonismo á gastronomía

A cidade lucense converteuse nun escaparate da excelencia gastronómica e artesanal do norte ibérico

Comparte el artículo:

O Eixo Atlántico, organismo de cooperación empresarial e cultural, presentou a «Feira de Produtos Tradicionais da Eurorrexión», que se celebrou na cidade de Lugo (praza da Horta do Seminario) o venres 30 e o sábado 31 de xullo. Un evento no que colaboraron o Concello de Lugo e o do Barco de Valdeorras, e onde vinte participantes mostraron e venderon productos tradicionais de Galicia e do Norte de Portugal. A edición tivo un amplo seguimiento, polo que se seguirá apostando por este formato ibérico e de proximidade para vindeiras edicións.

Ao evento acudiron a rexedora de Lugo, Lara Méndez, e a tenente de alcaldesa e responsable de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, que inauguraron a mostra. Estiveron acompañadas polo edil de Turismo do Concello do Barco de Valdeorras, Eladio Santos, e polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez.

A alcaldesa lucense resaltou, apelando á dinamización económica, que «hoxe concentramos aquí o mellor da alimentación, da gastronomía do Norte de Portugal e tamén de A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Hoxe nos acompañan empredores e emprendedoras que atoparon nas súas orixes non só un medio de vida e unha saída profesional, senón tamén unha maneira de converterse en embaixadores da súa propia terra. Estamos moi orgullosos de acollervos a todas e todos aquí, na cidade de Lugo, con fama internacional precisamente polo seu bo xantar e agardamos que gocedes da vosa estancia porque estamos seguros de que a vosa presenza nos deixará estes días moi bo sabor de boca».

A gastronomía, ademais de produtos artesanais como a cerámica, foi a gran protagonista. Queixos; galletas; meles; marmeladas; licores ou aceites singulares chamaban a atención dos viandantes. En concreto, podemos destacar «Arvólea», unha pequena produtora de aceites de Trás-os-Montes, pero tamén as cooperativas ourensás «Amarelante» e «Nela Biosense», que producen marmeladas sostibles con sabores como o chocolate branco ou os pétalos de rosa. Aínda que non debemos esquecernos da apelación que se fixo da castaña como produto gourmet. A cosmética de produción rural tamén estivo presente, con xabóns caseiros, entre outras novidades.

Na organización respectáronse todas as medidas sanitarias, tanto de sinalización como de control do aforo, así como nas probas de degustación.

Noticias Relacionadas