O Goberno de Portugal sinalou o ano 2030 como a data de inicio das obras da liña de alta velocidade Vigo-Oporto. En palabras de Carlos Fernández, vicepresidente da empresa pública Infraestruturas de Portugal, o proxecto é a segunda prioridade ferroviaria do país, só detrás da liña Oporto-Lisboa. Unha conexión que, segundo afirmou Pedro Nuno Santos (ministro de Infraestruturas), é estratéxica e esencial para o norte do país e Galicia; comunidades que gardan unha estreita relación entre elas.
Cómpre sinalar, que o traxecto entre Vigo e Oporto ten unha duración estimada de dúas horas e media co tren Celta actual, e con esta nova infraestrutura o tempo reducirase ata só 55 minutos; con velocidades de entre 200 e 250 quilómetros por hora. Ademais, estará conectada co aeroporto Sá Carneiro (Oporto), tras o seu paso por Braga (193 mil habitantes). Unha actuación que pretende impulsar as oportunidades na rexión.
Aínda que 2030 poida parecer unha data afastada no tempo, os trámites burocráticos revisten certa complexidade. É máis, dende o executivo luso afirman que xa empezaron a intercambiar información cos municipios para a elaboración dos estudos de impacto ambiental que sexan necesarios. Con todo, primeiro levarase a cabo o desenvolvemento do trazado entre Lisboa e Oporto (a partir de 2023 e ata 2028, logrando reducir os tempos entre ambas a hora e cuarto), para logo continuar co resto do traxecto ata Galicia (que António Costa estimaba comezar «a partir de 2025»).
Esta nova liña de alta velocidade para vertebrar o norte ibérico ten un orzamento inicial que rolda os 900 millóns de euros. De feito, unha parte dos fondos europeos de recuperación irán destinados a sufragar este tipo de infraestruturas; conectando, por fin, aos diferentes pobos da península co resto de Europa.