Os representantes da OCDE e a Comisión Europea que participan no proxecto piloto sobre gobernanza transfronteiriza Building More Resilient Cros-border Regions: Multi-level Governance and Co-developed Strategic Rexional Development visitaron o territorio do Miño valorando moi positivamente a implicación dos axentes sociais e administrativos na zona. Tanto a parte galega como a portuguesa mostraron consenso na necesidade de desenvolver conxuntamente unha estratexia transfronteiriza única.
A comitiva europea, composta por analistas de Políticas da Unidade de Gobernanza e Planificación Estratéxica para o Desenvolvemento Rexional da OCDE, Stephan Visser e Geoff Upton, xunto con Margaux Vicent, responsable de Descentralización da Unidade Subnacional de Finanzas e Infraestruturas da Comisión Europea, atoparon no Miño «unha rexión moi interesante para analizar os desafíos da gobernanza multinivel».
Nas reunións mantidas con axentes sociais, políticos e académicos, os analistas europeos puideron comprobar como existe un forte compromiso e unha identidade bastante marcada en torno ao río e a súa xeografía. O apoio social á AECT Rio Minho mostrouse patente, xa que as inquietudes da sociedade son compartidas a ambos os dous lados da «Raia», e esta entidade media coas Administracións competentes e resolve problemas.
A próxima visita ao territorio do Miño dos especializas da OCDE e a CE será no mes de outubro, pero xa adiantaron que deben explorarse fórmulas para que se poidan delegar competencias e unificar criterios nun único ente.