A «Raia» miñota uniuse nunha causa común. A Deputación de Pontevedra; a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM); a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), e vinte alcaldes do sur de Galicia e do Norte de Portugal emitiron unha declaración conxunta reclamando que se destinen de forma prioritaria a estas zonas os fondos do próximo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea.
Os representantes lembraron as graves consecuencias económicas e sociais que supuxo o peche da fronteira durante a pandemia (perxuizos de máis de 90 millóns de euros). Ademais, criticaron que as entidades representativas dos territorios fronteirizos non participaron no proceso de elaboración deste programa, cando o territorio Alto Minho-Pontevedra é a zona fronteiriza máis densamente poboada entre España e Portugal, con 13.000 traballadores transfronteirizos e tres eurocidades; supoñendo o 50% do tráfico entre España e Portugal.
Na declaración solicítase que se recoñezan expresamente ás AECT como beneficiarias potenciais dos obxectivos de intervención. Tamén se propón que o 75% dos fondos sexan investidos en zonas a menos de 50 quilómetros da «Raia», xa que estes fondos naceron para compensar aos territorios de fronteira por non poder interrelacionarse economicamente debido aos límites administrativos. Moitos investimentos, recalcan, estanse producindo no interior.