O «Corpus Christi» conmemorouse durante a primeira semana de xuño por toda a península ibérica. Trátase dunha celebración de orixe católica, que se remonta ao ano 1246 na cidade de Lieja (Bélxica), onde foi promovida pola relixiosa Juliana de Fosses para honrar a eucaristía. Instituida como festividade en 1264 por Urbano IV, esta conmemoración transcendeu o puramente relixioso ata converterse nun fenómeno artístico en todo o mundo latino.
Arte efémera con sentimento comunitario
A celebración do «Corpus» ten un gran arraigamento na península ibérica. En España, aínda que deixou de ser festivo en 1989, ten recoñecemento en moitos municipios. De feito, foi declarada festa de Interese Turístico Internacional en Toledo, Béjar (Salamanca) e Ponteareas (Pontevedra). Mesmo se barallan candidaturas a Patrimonio inmaterial da Unesco pola arte floral que a comunidade veciñal leva a cabo nesta festividade. En Galicia, un informe histórico e antropolóxico recolle que a primeira alfombra foi feita en Ourense, en 1323 (pídese a declaración de ben de interese cultural). En Portugal, o Corpus chegouse a suspender pola crise económica (2012).
O proceso de elaboración das alfombras comeza un mes antes da data, coa elaboración do deseño. O material (miles de pétalos e flores) prepárase nos portais das casas, para posteriormente recubrir os debuxos no asfalto a noite anterior. Posteriormente, os tapices pulverízanse con auga para evitar que se estraguen as flores. Durante a procesión (que pasa por riba dos tapices), bótanse pétalos desde os balcóns. Unha tradición que en Ponteareas lévase facendo desde hai máis de 160 anos. Xunto a elo, temos como curiosidade en La Orotava (Tenerife), que as alfombras son de area volcánica, e en Archena (Murcia), de saes de cores.
Celebración e proxección transfronteiriza
A actual crise sanitaria motivada pola pandemia da covid-19 restrinxiu as celebracións multitudinarias. Por segundo ano consecutivo, as mostras florais viron a súa grandiosidade mermada. Aínda que este ano, a diferenza do anterior, que consistiu nun «Corpus simbólico desde o balcón e online», puidéronse realizar pequenos tapices nas rúas, pero con aforos totalmente limitados.
Esta é unha festa cunha gran proxección ibérica e europea, xa que as asociacións de alfombristas locais colaboran entre elas, de maneira que realizan actos noutros países, desprazan delegacións para elaborar tapices ou editan revistas conxuntas.