A consolidación do comercio exterior fixo que moitas empresas de distribución creasen delegacións e filiais propias en mercados estranxeiros. Aínda que tamén sucede este fenómeno en marcas de ámbito local e rexional, as cales deron o salto ao terreo nacional. Isto é o que sucedeu con Froiz, Gadisa, Vegalsa-Eroski e Grupo Cuevas, que pecharon 2020 expandíndose en España e asentándose en Portugal, con cifras récord de 3.400 millóns facturados e máis de 21.000 empregos xerados.
Froiz, unha das empresas de alimentación máis importantes de Pontevedra, abriu o seu primeiro establecemento luso en Valença do Minho fai 25 anos. Afirman integrarse no territorio sentíndose portugueses, tanto polos produtos que ofertan como pola riqueza que alí xeran. De feito, agora contan con 17 puntos de comercio no país, e un centro loxístico en Braga, (o 4,4% das súas vendas son en territorio portugués). A nivel global, creceron o ano pasado un 11%, con 756 millóns de euros, 6.000 traballadores e 256 establecementos por varias comunidades ibéricas (Galicia, ambas Castelas, e Madrid, así como Portugal).
Outra das empresas icónicas é Gadisa, que é a compañía que máis factura e a que ten un maior persoal, con máis de 1.300 millóns de euros e case 8000 persoas empregadas. Nos últimos anos comezaron un ambicioso plan de loxística online e modernización de instalacións. Operan en Galicia e Castela e León, e agora tamén en Madrid e Asturias. Tanto Froiz como Gadisa creceron en 2020 máis que Mercadona. A eles únese Vegalsa-Eroski, que creceu un 8%, con 1.200 millóns de facturación e máis de seis mil traballadores; e o Grupo Cuevas, con 125 millóns e un crecemento do 13%. Todas teñen a súa visión de futuro posta en Portugal.
A empresa galega na fronteira aposta por Portugal
Portugal está a ser un dos destinos elixidos polas empresas galegas próximas á fronteira; chegando a facturar estas 11 mil millóns en 2020, un 13% en territorio luso. Algúns dos exemplos máis claros son Froiz (sector alimentación), Covsa (construción) e Abanca (bancario). De feito, Abanca habilitou o servizo «Multipaís» para que se poidan realizar transaccións en ambos países coma se fose un só. Con todo, a diferenza de idioma e fiscalidade son aspectos nos que hai que seguir traballando para reforzar a cooperación.