O obxectivo do proxecto «Forvalue»: recuperar as terras abandonadas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

As experiencias piloto que se están realizando na fronteira pretenden revalorizar o territorio e combater os incendios

Comparte el artículo:

O proxecto «Forvalue» constitúese como un consorcio de colaboración transfronteiriza para traballar na resiliencia do territorio. A iniciativa está coordinada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, xunto á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal; o Instituto de Estudos do Territorio; a Universidade de Santiago de Compostela; a Asociación Forestal de Galicia; o Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Forestis – Associação Florestal de Portugal, e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.

«Forvalue» está cofinanciado polos fondos europeos FEDER e enmárcase no programa POCTEP, dentro do “Eixo 3”: «Crecemento sostible a través dunha cooperación transfronteiriza para a prevención de riscos e a mellora da xestión dos recursos naturais». Entre os seus obxectivos atópase a promoción dun modelo baseado no aproveitamento económico da biomasa; a implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal, e a coordinación transfronteiriza na planificación e administración do espazo mediante o uso de novas tecnoloxías.

Este proxecto, que nace cunha clara visión ibérica, pretende xerar un marco técnico e institucional (galego e portugués) para evitar o abandono progresivo do rural, que tantos problemas ocasiona cos incendios anuais e o despoboamento das vilas. Para iso, están a poñerse en marcha unha serie de experiencias piloto nos concellos de Arbo e As Neves, en Pontevedra; e Carballeda de Avia, en Ourense. Tanto os expertos como os alcaldes destas zonas percorreron as zonas afectadas para ver os problemas e as oportunidades de valorización que existen, e así establecer un taller técnico en cada área para empezar a implementar accións. Os resultados deste estudo expoñeranse nun próximo encontro previsto para febreiro de 2022.

Noticias Relacionadas