O III «Foro La Toja» chegou ao seu fin. Pedro Sánchez e António Costa conversaron no día de onte na clausura deste lugar de encontro e reflexión. O primeiro ministro de Portugal defendeu que Portugal e España «teñen a responsabilidade histórica de utilizar a súa visión global para reforzar a vertente dunha UE aberta ao Atlántico, ao espazo iberoamericano e a África». O presidente español, pola súa banda, instou a unha maior presenza de mulleres nas decisións de futuro, e sinalou que temos ante nós dúas transicións disruptivas: a dixital e ambiental.
A segunda xornada iniciouse o xoves día 29 cunha mesa redonda onde se falou de dixitalización. Seguidamente, diferentes expertos trataron a cuestión do emprego; facendo alusión ás bondades do teletraballo, á necesidade dunha maior colaboración social e ao fomento da formación profesional entre os mozos. De especial mención tamén foi o coloquio que mantiveron nesa xornada os expresidentes González e Rajoy. Ambos coincidiron en que a moderación e o diálogo son os eixos vertebradores para que a comunidade ibérica, en particular; e europea, en xeral, teñan un futuro ilusionante cheo de oportunidades.
O segundo día completouse con relatorios sobre a recuperación económica, a nova xeopolítica mundial e o financiamento autonómico. Respecto a este último punto, moderado pola xornalista Pilar Cernuda, interviñeron os presidentes de Galicia, Valencia, Castela e León e Castela A Mancha; reclamando novos pactos e maior atención á diversidade territorial.
Finalmente, as cuestións ambientais e os retos sociais centraron o debate na última xornada. Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca destacou que: «É a primeira vez que van convivir tres xeracións: boomers, X e millennials, con expectativas distintas. Non se pode considerar a mesma proposta de valor. Debemos crear un ecosistema de colaboración». Durante o transcurso do foro, os distintos participantes coincidiron en que os fondos de recuperación son unha oportunidade para a transformación de todos os sectores ibéricos.