23/04/2025

O Parque da Amizade será o espazo transfronteirizo de ocio máis grande de Europa

A «euro-área» debería estar finalizada en 2022, constituíndo unha «zona franca social» no Miño

Comparte el artículo:

Bluesky Streamline Icon: https://streamlinehq.comBluesky

«Dous países, un territorio», con este lema a Eurocidade Cerveira-Tomiño presentou o proxecto de parque transfronteirizo de 25,6 hectáreas, que estará unido por unha nova ponte peonil e ciclista (330 metros de longo e 4,7 metros de ancho), no que será a sexta estrutura internacional sobre o río Miño; creando un gran espazo público para ambas poboacións. Unha actuación na que se renovarán os equipamentos existentes, impulsando un parque botánico; unha zona ecolóxica de glamping; piscinas; un novo museo; áreas interactivas, enlazando a Fortaleza de Goián (Tomiño) e o Parque do Castelinho (Cerveira).

Apoio institucional de ambos países e protección ambiental

Este proxecto foi presentado oficialmente o 29 de maio, pero é o resultado dun traballo conxunto que se ven realizando polas institucións locais, provinciais, rexionais e estatais nos últimos dous anos. O acto foi presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, declarou que «este río foi testemuña de desencontros históricos e dunha irmandade cada vez máis estreita. Continuamos a facer camiño nesta unión cun fito para a desfronteirización de Europa». A ministra portuguesa de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, remarcou que «este é un proxecto prioritario para o Goberno de Portugal, igual que todos os que nos unen con Galiza». Ó encontro tamén acudiu a secretaria de Estado da Valorización do Interior de Portugal, Isabel Ferreira; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, así coma membros da Comandancia de Mariña, da Capitanía do Porto de Caminha, entidades sociais e culturais.

No deseño desta actuación tívose en conta o impacto paisaxístico e a acción ambiental. Con este fin, utilizáronse materiais lixeiros e cores integradas coa contorna e o patrimonio, respectando xeometrías e dando continuidade ó río, que se abre cara ó Atlántico. Ademais, a creación dun anel verde transfronteirizo permitirá salvagardar a biodiversidade existente, e que os cidadáns gocen das vías naturais mediante o uso de bicicletas eléctricas (servizo que se inicia). Igualmente, a nova infraestrutura non afectará nin á praia nin ó illote.

Outros proxectos transfronteirizos

Na área transfronteiriza do Baixo Miño existen outros proxectos que perseguen reforzar a eurorrexión. Un deles é a proposta de ampliación da ponte internacional da Eurocidade Salvaterra-Monção, no que se incorporarían carrís peonís e zonas para o paso de bicicletas. Temos que ter en conta que o crecemento poboacional e empresarial desta zona está sendo moi rápido, de tal modo que incluso se ten valorado a construción dunha nova ponte entre a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (PLISAN) e Monção.

Por outra banda, na Eurocidade Chaves-Verín está sobre a mesa a creación dunha pasarela internacional de seis metros, a fin de impulsar o turismo (Camiño Interior de Portugal). Tamén se quere mellorar a rede de transportes ante a chegada da alta velocidade, e crear un centro de incubación de pemes tecnolóxicas, có propósito de atraer talento e emprego xuvenil para o territorio fronteirizo.